Santiago de Compostela, 9 Marzo 08.- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, fixo esta noite a valoración dos resultados eleitorais por parte do Bloque Nacionalista Galego que significan “un aumento de votos con respeito a hai catro anos, un aumento porcentual no ámbito de Galiza e no do Estado español”.
En vista deste resultado o BNG dixo que “temos que amosar a nosa satisfación co resultado acadado. Resultado non só do BNG, senón que o panorama que se presenta é favorábel a participación do nacionalismo con carácter decisivo no ámbito estatal”.
"O BNG vai ser decisivo e nós comprometémonos a que cando sexa asi, vai repercutir en beneficio de Galiza"“Nesta lexislatura”, continuou, “o BNG vai ser decisivo en moitas ocasións en Madrid e nós podémonos comprometer hoxe a que cada vez que sexa decisivo, o BNG vai repercutir en beneficios para os cidadáns galegos”.
O líder nacionalista destacou o feito de que se dea un panorama “como nós vaticinamos, sen maiorías absolutas e no que os votos do BNG serán decisivos en moitas ocasións e iso vai ser en beneficio de Galiza e os galegos e galegas”.
O portavoz nacional quixo aproveitar a ocasión para felicitar ao Partido Socialista e amosou o seu convencemento de que “o resultado democrático que os cidadáns deparan terá que ser tamén positivo para o conxunto do Estado”.
"Quero trasladar o noso inmenso agradecemento a todos os cidadáns que optaron polo BNG"Anxo Quintana trasladou na súa intervención “o noso inmenso agradecemento a todos os cidadáns que optaron polo Bloque Nacionalista Galego porque son milleiros de persoas as que optaron polo BNG nunha situación difícil, unha campaña pensada para dous, pensada para consolidar o bipartidismo, na que se quixo excluír a Galiza. Mesmo nesa situación, milleiros de cidadáns optaron polo BNG e por colocar a Galiza no panorama político do Estado”.
Tal e como explicou o líder do Bloque, “sabemos que non era fácil. O fácil nesta campaña era optar polas dúas grandes forzas políticas estatais, pero é evidente que existen milleiros de cidadáns que, sobre todo e ante todo pensan en Galiza”.
O portavoz nacional dirixíuse a estes cidadáns para dicer: “pódolles asegurar que non se van arrepentir. Durante catro anos van ter moitas ocasións para felicitarse pola súa decisión porque comprobarán que a presenza do BNG en Madrid que eles hoxe nos outorgan cos seus votos vai ser positiva para Galiza e poderán ver representada o que foi a súa vontade e os seus desexos”.
"Síntome tremendamente orgulloso de ser portavoz nacional do BNG, da nosa militancia"O portavoz do Bloque quixo tamén “felicitar de todo corazón aos militantes, compañeiros e compañeiras do BNG” e asegurou sentirse “tremendamente orgulloso de ser o portavoz nacional desta organización política”. Son centenares de persoas que en toda Galiza fixeron un esforzo sobrehuman para poder conseguer este resultado. Grazas ao seu esforzo o BNG é case a única forza política que sube en votos e en porcentaxe, excluíndo ás dúas grandes forzas estatais”.
Superar retos
O líder nacionalista lanzou outra mensaxe clara á militancia: “se conseguimos superar este reto e superar esta situación tan difícil, é que podemos conseguir calquera cousa e todo o futuro queda nas nosas mans”.
“En Galiza, mal que lles pese a algúns, hai un espazo nacionalista consolidado”, sentenciou Quintana, “incluso nos peores momentos, hai milleiros de persoas que votan polo BNG e só polo BNG, que queren que haxa unha forza política propia que defenda os intereses do país”.
En resposta ás perguntas dos xornalistas, o líder do nacionalismo galego asegurou que “a campaña que tivemos que sufrir tivo tintes antidemocráticos e discriminatorios e, malia isto, a victoria de PP e PSOE é pírrica porque practicamente se reproducen nas forzas estatais os resultados de hai catro anos” e subliñou que en certos momentos púxose “a pureza democrática ao límite” e destacou que, fronte á intención de “varrer o nacionalismo” por parte das forzas estatais, “subimos, aumentamos e nos consolidamos”.
Repercusións no futuro
Tamén en resposta ás perguntas sobre as posíbeis repercusións destes resultados en vindeiros comicios, Quintana pedíu que se deixen “as cousas nos seus termos”, ao tempo que lembrou que “hoxe en Galiza sacou 11 Rajoy, 10 Zapatero e dous o BNG e nas elecións autonómicas xa veremos canto saca cada un”.
O líder nacionalista amosou a “mellor disposición do BNG para completar maiorías se se conta con Galiza, senón, non”, ao tempo que destacou a importancia do nacionalismo na crise económica que estamos enfrontando e subliñou que “a nosa experiencia di que non todo se resolve na investidura e nós imos afrontalo asi, con esa tranquilidade e ilusión”.
“Cando todos baixan, o BNG sube e iso nos dá forza moral e política para enfrontar a defensa de Galiza con máis garantías”, concluíu.
No hay comentarios:
Publicar un comentario