Santiago, 26 de marzo de 2009.- A Consellería de Política Territorial, Obras
Públicas e Transportes anuncia hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o
sometemento a información pública dos estudos de viabilidade dos metros lixeiros
da Coruña e Vigo. Ambos documentos poderanse consultar nas dependencias dos
respectivos servizos provinciais de Transportes, sitas no caso da Coruña na
estación de autobuses da cidade e no caso de Vigo na sede provincial da rúa
Fernández Ladreda, 43, en Pontevedra. En ambos casos o prazo de exposición
pública é dun mes.
Para establecer as posibles liñas atendeuse á densidade de poboación, á mellora
da accesibilidade a centros de actividade económica, sanitaria, universitaria,
etc., á mellora da calidade ambiental, á previsión da necesidade de transporte
de futuros novos desenvolvementos urbanísticos e, en xeral, aumentar a
eficiencia global do transporte en ambas urbes posibilitando a intermodalidade e
unha maior sostenibilidade ambiental.
Ambos metros estarían totalmente integrados nos novos sistemas de transporte
metropolitano das respectivas áreas. Polo tanto, para o usuario o custe do
billete de metro sería o mesmo que o do desprazamento en autobús urbano e
recollería os mesmos dereitos (gratuidade dos transbordos durante un período
determinado de tempo, posibilidade de establecer descontos por perfís sociais,
etc.)
Metro da Coruña
As propostas iniciais de liñas para o metro da Coruña son:
- Liña 1: Montealto-Praza de Pontevedra-Montealto.
- Liña 2: Praza de Pontevedra-Estación de Autobuses-Universidade-Estación de
Autobuses-Praza de Pontevedra.
- Liña 3: Os Rosais-Estación de Autobuses-Universidade-Estación de Autobuses-Os
Rosais.
Este esquema contempla o aproveitamento das cocheiras e talleres existentes
actualmente para o tranvía turístico da cidade ubicadas en Montealto. A
estimación económica do estudo de viabilidade fixa nuns 160 millóns de euros o
custo de implantación do metro lixeiro na Coruña, cifra que inclúe tanto as
obras de construción das liñas e da súa integración urbana como o investimento
necesario para a adquisición do material rodante.
Metro de Vigo
No caso de Vigo, pola súas características orográficas e a complexidade de
implantación do metro, plantéxase a súa construción en dúas fases. A primeira
fase contaría con dúas liñas en superficie:
- Eixo litoral: Samil-Avenida de Europa-Avenida de Castelao-Rúa A
Coruña-Torrecedeira/Pi Margall-Policarpo Sanz (ou paralelas)-Urzaiz.
- Eixo interior: Estrada da Universidade-PSA-Balaídos-Avenida Fragoso-Plaza de
América (onde conecta co eixo litoral).
Esta configuración da rede inicial contempla a construción das cocheiras e
talleres necesarios no entorno do campus universitario.
As restantes fases da rede viguesa, moito máis complexas, incluirían treitos
soterrados que elevarían notablemente o investimento por quilómetro necesario
para a súa materialización. Esta posterior ampliación da rede inicial
consistiría en:
- Completar o eixo interior por Gran Vía e Urzaiz e prolongalo ata o Aeroporto.
- Prolongar o eixo litoral ata Teis
Segundo a estimación económica realizada no estudo de viabilidade, a construción
da primeira fase desta infraestrutura, a súa integración urbana e o material
rodante necesario suporían un investimento duns 250 millóns de euros mentres que
o total de todas as fases ascendería a 636 millóns.